Servinova, A Cidade da Cultura e a desastrosa xestión de espectáculos

Poñémonos en situación. Anunciadísimo e esperado concerto de Gregory Porter na Cidade da Cultura, programado para o 25 de Xullo e posposto polo accidente do tren.

O día do concerto pola mañá, chamamos a Servinova para tentar conseguir entradas. Dende a plataforma dinos que é imposible por teléfono e internet, pero que a taquilla abre as 5 na propia Cidade da Cultura e que quedan entradas. Non saben cal é o aforo, nin a configuración da sala, nin o punto exacto de venda. Achegámonos ata alí. Cal é a nosa sorpresa que non se puxeron entradas á venda en todo o día. Segundo a organización a culpa é da mala información de Servinova. Xente do Grove, de Santiago e da Coruña, por exemplo, recibiran a mesma información e foron ata alí coa mesma idea ca nos.Ao parecer existe un punto ON nalgún lugar da Cidade da Cultura que ninguén da organización sabe onde está que levaba vendendo as entradas durante toda a mañá. De feito, como podedes ver no tuit a propia cidade da cultura invitaba a ir a polas entradas a partires das 5 da tarde.
Despóis de falar co persoal de seguridade, atopamos o punto ON preto da biblioteca e indícanos que non é a primeira vez que pasa, e invítanos a poñer a reclamación pertinente que segundo din, terá resposta.
Non cabe dúbida a desorganización e a falta de comunicación entre a Cidade da Cultura e Servinova, así como a deixadez por parte da plataforma de venda á hora de informar sobre as características do espectáculo.
Como curiosidade, o aforo para o concerto de Gregory Porter na Cidade da Cultura é de 500 persoas. Non cabe dúbida da necesidade no país de megaconstruccións de ese tamaño para albergar este tipo de macroconcertos.

One thought on “Servinova, A Cidade da Cultura e a desastrosa xestión de espectáculos

  1. Bo días, desde Servinova querémosvos pedir desculpas polas molestias que puidemos ocasionar aos que quixestes acudir ao concerto de Gregory Porter na Cidade da Cultura.

    O noso procedemento de venda de entradas para este espectáculo, tanto a través de internet como pola canle telefónica, pechouse o día anterior ao día da celebración, concretamente ás 23.59 h. No día do evento a venda de entradas pasa ao propio recinto e os seus responsables, neste caso a Cidade da Cultura, e son os que determinan o lugar e o horario da venda de localidades.

    Pola nosa banda, comprometémonos a traballar co titular do recinto para evitar que estas situacións se repitan. Incluiremos máis información en Servinova e trasladaremos esta incidencia á Cidade da Cultura para que poida sinalizar o punto de venda ON dun modo máis visible e sinxelo.

    Por último, moitas grazas polas vosas opinións sobre esta e outras incidencias. Coñecer o que pensades axúdanos a intentar mellorar cada día. Estamos a vosa disposición en servinova@obrasocialncg.com.

Deixar unha resposta