Xabarín cumpre 18 anos

Hoxe o porco bravo máis famoso de Galicia faise maior de idade. Dezaoito anos onde o espazo infantil e xuvenil da TVG acadou un éxito sen precedentes en varias frontes. Dende o principio, Xabarín converteuse nun fenómeno en toda Galicia. Xabarín é unha creación do debuxante Miguelanxo Prado e Juanillo Esteban na dobraxe, xunto con outros moitos artistas que guionizaron, debuxaron, cantaron e dobraron este fenómeno cultural galego dende 1994. Máis de 130.000 mozos galegos xa pasaron dende aquela polo clube da galega.

E que Xabarín foi durante estas case dúas décadas o maior expoñente dinamizador e normalizador da lingua galega, traspasando a franxa da xuventude, chegando a meirande parte da sociedade galega. A fórmula das orixes do Xabarín eran series moi exitosas en horario de tarde e na fin de semana. Quen non lembra a Songoku, Doraemon, As Tartarugas Mutantes, O Capitán Planeta, Arale, Shin Chan, Hatori ou Beakman nesas tardes de bocata ó sair do cole.

Outro elemento de éxito foi A Cantar Con Xabarín (enlace Spotify), cancións de grupos galegos, en galego e orientadas á mocidade. Temas como Estou na lavadora, Que jallo é!, Non todo é o que parece, Oda o Futbolín  ou moitas outras son auténticos himnos para varias xeracións. Detrás destas cancións están grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto, Siniestro Total, Aerolíneas Federales, La Marabunta ou os Herdeiros da Crus. Incluso míticas campañas de concienciación social como Seguriño.

O Xabarín tamén xerou un sentemento de pertenza a algo galego. Algo que seguramente contribui o orgullo de ser galego das xeracións máis novas. Cubrir a Xabatarxeta coa resposta correcta por 25 pesetas era case obrigado para ter un estatus social entre os máis cativos. Ser do Xabarín confería especiais privilexios o máis famoso o da foto que saía o día do cumpreanos. E vaia mosqueo que nos pillamos máis dun cando os 15 anos, terminabache a pertenza o clube (dende aquí facemos un chamamento para que ser socio do Xabarín sexa vitalicio).

Hoxe o Xabarín emítese na TVG2 con series de produción galega como Os Contos do Camiño e Caracois xunto con outras de producción foránea. A ver se algún día recuperan series míticas que só mola ver en galego (crear un arquivo do Xabarin en crtvg.es por exemplo).

Xabarín é xa un icono da cultura galega que segue a estar moi presenta incluso para os que hoxe xa rondan os trinta. Algo o que moitos galegos lle estamos moi agradecidos ¡Felicidades e longa vida o Rei dos Porcos!

Deixar unha resposta